
A Boa Morte
“UNHA BOA MORTE PARA TOD@S”
O primeiro ano en que o proxecto apareceu nos plans de actuación da entidade foi en 2014 que presentamos a previsión para o ano 2015. E a partir de ahí fomos sumando conscientes do camiño que temos por diante.
A idea inicial formou parte dende o principio da creación da fundación, non tiña o nome nin chegara aínda á madurez que hoxe o caracteriza, pero si que era un esteo importante para o sentido da Fundación Eomaia. Coa axuda de entidades como Vivir un Buen Morir comezamos a dar os pasos previos e hoxe xa temos a confianza de comezar a centrar as nosas forzas na realidade da nosa contorna.
Unha Boa Morte para Tod@s é un programa planeado para acompañar un debate sobre a morte que pretende axudar ás persoas e aos profesionais que as asisten e conseguir un bo final de vida, tendo en conta os nosos propios valores.
Tamén liberar este silencio que xera tanta confusión e sufrimento para quen a vive e quen a acompaña e promover a reflexión sobre a morte como unha ferramenta que nos sirva a todas as persoas, tanto aquelas que se atopan preto dela por idade ou enfermidade, como para as que a acompañamos.
O proxecto está desarrollado por persoas voluntarias.
OBXECTIVO
Engadir calidade e, na medida do posible, alivio, no proceso de morte e dó.
OBXECTIVOS ESPECÍFICOS
Garantir unha morte de calidade para todas as persoas, identificando e respectando o que cada un/unha considere como tal para si mesma.
Aliviar os sufrimentos. Comprender e integrar o proceso que se está a vivir.
Posibilitar a permanencia das persoas enfermas terminais ou con perspectiva de morte na súa contorna de convivencia habitual. Retardar ou evitar a institucionalización.
Garantir a autonomía das persoas na última etapa da vida.
Acompañar á contorna familiar a afrontar o proceso de morte dun membro da familia.
Aliviar ás persoas coidadoras de enfermos terminais.
Normalizar o debate cidadán sobre a morte. Death café.
Favorecer o uso do DIP (Documento de Instrucións Previas), texto documental no que unha persoa maior de idade, capaz e libre, manifesta anticipadamente a súa vontade sobre os coidados e tratamentos médicos ou de saúde que desexa recibir (ou non recibir) ante posibles situacións futuras, co fin de que esta vontade sexa respectada e cumprida se chegase o momento en que o suxeito non fose quen de expresala por si mesmo, proporcionando información ou asesoramento para confeccionalo.